10/08/2023
In
Festa do Pemento 2023
Resumo Festa do Pemento de Arnoia: Sabor e tradición.
Cada ano celebramos un evento único e delicioso na querida A Arnoia, a festa do noso pemento.
Este ano reunímonos os días 4, 5 e 6 de agosto para gozar da nosa cultura, tradición e degustar a gastronomía da zona. Celebrando a 44 edición.
Superáronse todas as expectativas, acompañándonos persoas de distintos lugares, máis que na edición pasada. Entre os que degustaban a nosa gastronomía había alemáns, suízos e moito francés.
Non hai outro pemento como o noso!
Preparáronse máis de 3.000 kg de pementos amparados baixo a súa Indicación Xeográfica Protexida. Fritos, en tortilla, recheos, croquetas de pementos etc. Para refrescarnos sorprendemos o evento con xeado de pemento de Arnoia, esgotándose todas as existencias.
Música e actividades:
A festa arrincou co cómico Víctor Fábregas encargado do pregón e a recepción das autoridades ao evento. Entre os asistentes estaban o conselleiro de Medio Rural, José González; o de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o presidente da Deputación, Luís Menor; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén.
Ofrecemos unha ampla gama de actividades para todas as idades como a Concentración de Vehículos Clásicos do Pemento, xogos infantís, olimpíadas etc.
A música non parou de soar nestes 3 días de troula, grupos e orquestras de gran importancia acompañáronnos estes días como: Espectáculo Funçao, Cinema, Bafana Bafana, Broken Peach e música disco coa Discomovil MVP Music.
Gústanos amenizar en todo momento a festa e os encargados diso foron a Charanga CLK e a Charanga Sorcha.
Non faltou tampouco a música tradicional, puidemos gozar do VII Festival de pandereteiras “Arnoia Viva”, Pan sen Fron, Pandereteiras de Sadeo e Airiños de Arnoia.
A nosa Festa do Pemento de Arnoia é máis que un simple evento culinario; é unha xanela á cultura, a historia e a comunidade de Galicia.
Se te perdiches esta edición non podes faltar á seguinte.
Unha experiencia que seguramente che deixará con recordos e sabores que perdurarán moito!
Moitas grazas a todos os asistentes.
Vémonos o próximo ano na 45 edición.
#FestaDoPementoDeArnoia2024